📅 25, 26 e 27 de xullo de 2025
📍 Paseo Marítimo de Camariñas
Con motivo da celebración do evento “O Encaixe no Camiño”, a Asociación de Empresarios e de Promoción Turística de Camariñas organiza o Mercado Medieval de Camariñas 2025, que se celebrará os días 25, 26 e 27 de xullo no Paseo Marítimo da vila.
Dentro da programación desta cita cultural e turística, o mercado contará cunha ampla variedade de propostas artesás e ambientación medieval, con música, espectáculos e actividades durante toda a fin de semana. Este ano como novidade celebrarase a I Festa do Marisco en colaboración coa Cofradía de Camariñas.
O prazo para inscribirse como feirante xa está aberto. As persoas interesadas deberán ter en conta e aceptar as seguintes bases de participación:
- A solicitude de praza deberá formalizarse en tempo e forma. O prazo para enviar solicitudes remata o venres 11 de xullo. A inscrición realizarase exclusivamente por vía telemática, a través dun formulario que se facilitará proximamente. É imprescindible achegar unha imaxe do posto onde se vexan claramente os produtos a ofrecer.
- A organización seleccionará un máximo de 40 postos, valorando criterios como a participación en edicións anteriores, a orixinalidade e calidade artesanal dos produtos, a variedade das propostas e o equilibrio global do mercado. As solicitudes non seleccionadas quedarán en lista de agarda e, se se producen baixas, contactarase para formalizar a inscrición.
- As solicitudes aceptadas deberán formalizar a inscrición. Para formalizar a inscrición debe aboarse a taxa estipulada de 30€ a través dunha transferencia bancaria ao número de conta (IBAN: ES10 2080 0061 5330 4000 2859 – Abanca) onde conste claramente no concepto o nome do posto. A taxa é única e en ningún caso se fará a devolución da mesma unha vez se pague, salvo causa xustificada. Unha vez feita a transferencia debe enviarse o xustificante da mesma ao correo:asociacionempresarioscamarinas@gmail.com
- Os postos non poderán superar os 4 metros de longo. Se na montaxe se comproba que superan as medidas indicadas na inscrición, a organización poderá impedir a súa participación.
- A posición de cada posto será asignada pola organización. Os postos montaranse preferentemente o venres día 25 de xullo a partir das 10 da mañá, non se poderá montar sen previa autorización. Para facilitar a montaxe, os vehículos deberán retirarse do espazo o antes posible tras descargar. No caso de non cumprirse este procedemento, a Policía Local poderá ordenar o desaloxo do vehículo ou impoñer sanción.
- O mercado abrirá ás 17 horas do venres 25 de xullo, durante o sábado 26 e domingo 27 de xullo o horario de apertura será de 11 a 21 horas.
- Os actos de celebración comezarán ás 11 horas do sábado 26 de xullo.
- Os postos dispoñen de toma de luz e auga, poden facer uso dos baños e estamos xestionando a posibilidade de acceder a duchas.
- Non se aceptan postos de revenda nin de produtos de segunda man. Só se admitirán produtos artesanais.
- Será obrigatorio que os feirantes vaian vestidos con traxe de época medieval e decoren os seus postos en coherencia coa ambientación do evento.
- A organización resérvase o dereito de excluír calquera posto o día do evento se non cumpre estas normas, sen dereito a reembolso. Así mesmo, non se devolverá o importe da inscrición en caso de inasistencia por parte do feirante.
📩 Contacto e máis información:
👉 asociacionempresarioscamarinas@gmail.com
Camariñas agárdate para gozar dunha fin de semana máxica, chea de historia, tradición e artesanía no Mercado Medieval de 2025.